O blog das mulleres literatas

“Le temps s´en va!”

Adeus, contadoras de historias Mayo 20, 2009

Archivado en: 1 — mulleresliteratas @ 10:13 am

pintura de um lago azulE pasou o tempo como sempre pasa. Acabou o curso e a bitácora quizais non se actualizará ata o próximo curso. Ao mellor Elena, Antía, Uxía ou Lu aporten algo no verán ao caderno. O problema vai ser continuar o curso próximo. A bitácora manterase se hai un grupo de alumnas/os -polo menos dez- que escollan literatura do século XX e, tal e como están as cousas na promoción da materia, vai ser difícil.

“Mulleres literatas” é un blog -á súa maneira- que se actualizou o máis regularmente posíbel durante dous cursos -non é actividade única senón máis ben a máis curta- e que naceu dentro da concepción da aula como oficina literaria. As novas tecnoloxías foron as ferramentas idóneas para enganchar o grupo e introducilo nunha especie de labirinto onde cada un/unha traballa contento utilizando diferentes códigos artísticos: o texto literario, a imaxe en varios formatos, a pintura, a escultura, o teatro, o cine e a música.

As primeiras “Mulleres literatas” -todas mulleres, por iso o nome- fóronse co curso:

Lucía, a dos Lilás

Goretti, a das sílabas azuis

Uxía, a das moreiras das tardes de sol

Vanessa, a das verdes paisaxes

Ánxela, a da escrita de grilandas

Comezou outro curso e chegou un grupo novo e máis numeroso formado por mulleres e homes que seguiron traballando no blog coa mesma denominación sen problema. Non temeron á páxina en branco. Mais outra volta cobra vixencia o verso de Villon, “le temps s´en va, mes dames”.

Remata o curso con alegría polo cultivo sincero e ás veces virtuoso da palabra, mais co pesar que provoca sempre a despedida.

Contra toda unha serie de factores negativos que fan que cada vez se lea menos, a esperanza de que naza no próximo curso un novo grupo de “Mulleres literatas” fica sempre.

É certeiro o verso de Villon, mes dames. O tempo precipítase sempre, mais aínda que os cursos acaban fican as obras co recendo de vós.

A viaxe remata e procuramos a despedia no soneto “Salut” de Mallarmé, entendido como un brinde e un balance:

Navegamos, oh meus diversos

Amigos, eu xa sobre a popa

Vós sobre a proa orgullosa que corta

A corrente de raios e de invernos.

Soidade, recife, estrela

Non importa onde nos leva

O branco cuidado da nosa vela.

Para vós, amantes da sombra da camelia.

Concha Delgado

 

2 Responses to “Adeus, contadoras de historias”

  1. lu Says:

    Le temps en va, certamente. Parece que inda foi onte cando nós xestionabamos o blog, e xa rematou outra promoción. O importante é que o blog das “mulleres literatas” teña continuídade.

    unha aperta

  2. Goretti Says:

    confiemos en que neste novo curso outros/as novos/as “mulleres literatas” continúen escribindo e disfrutando como o faciamos nós, porque realmente é unha experiencia que vale a pena!

    un bico,

    Goretti


Leave a Reply