O blog das mulleres literatas

“Le temps s´en va!”

A MANUEL MARÍA Abril 29, 2008

Archivado en: Poesía — mulleresliteratas @ 11:23 am

 

Veleiquí o meu

ventre sen luz onde non vive nada.

 

Veleiquí a mañán

de outono, con ordenadas néboas sóbor

do Ulla, en tristísima Terra de Bea.

 

Veleiquí os camaradas

perdendo unha batalla cada día

e gañando o futuro e o fulgor

nos ollos e nas queixadas de metal.

 

Veleiquí o amigo

presente como os montes nativos coroados

de medo.

 

Veleiquí as mans súas

perdidas no incansable debuxo de letras

coma pequenos estandartes

no destino nacional de pedra.

 

Veleiquí os seus ollos

de veludo rural e deteniendo

o proceso do malvado; un esconxuro

vegetativo,

lento coma o pasar do Miño, cousa   nosa.

 

Veleiquí a súa presencia

terreal, a traveso

de procesions horribles de días coma lobos,

proclamando dinamita excusada

coma quen asobía.

 

Veleiquí o poeta

irmán, innecesariamente evocado do outono

porque hai mil anos

que nacemos xuntos na cunca de pedra no noso idioma

e convivimos agres.

 

Veleiquí a súa terra

chá, coma peito tralo que combate un corazón

de pan e de mapoulas e de vésporas

naqueles veráns lúcidos.

 

Veleiquí a súa esposa

na que cecais sementa palabras ou estremeceres

húmidos no proceso do amor

que non remata.

 

Veleiquí a nosa causa,

comunal coma un monte ou unha praia,

que ás veces se nos pon por antre os dentes

e só podemos pedir patria ou clas

asoballada, irmán, asoballada.

 

Veleiquí a pedra ed grá

do seu canto popular  limpo

e a bandeira vermella que nos viste

conxuntamente, coma preludio do sudario.

Manuel María

 

                                Xosé Luís Méndez Ferrín, Con pólvora e magnolias

 

[Música: Billy Joel, Piano Man http://www.goear.com/listen.php?v=07e9d91]

 

2 Responses to “A MANUEL MARÍA”

  1. mulleresliteratas Says:

    Dende logo, cada poema de Ferrín é unha nova sorpresa…

    A música lle queda moi ben.

  2. [...] beatnik, que peneirou durante toda a semana, fixo así acto de presenza no Cantón, seguido do Veleiquí de Méndez Ferrín dedicado a Manuel María e do Bomba de Gregory Corso, que deu fin ao recital e [...]


Leave a Reply